1ª Entrada para a docente Úrsula Kirsten

Unha das funcións que un docente pode chegar a asumir e que máis descoñecemos é a función de titor. Como compartimos na primeira sesión de Didáctica das Linguas Estranxeirascoa docente Úrsula Kirsten, a nosa experiencia persoal en titorías como alumnos durante a Educación Secundaria dista moito de como se supón que se deberían aproveitar estas horas. Moitos de nós recordamos as titorías como clases reservadas ao estudio, realización de deberes para a casa, ou mesmo horas libres. Non obstante, o papel do titor e o seu traballo é probablemente o eixo de todo o funcionamento escolar. O titor é a conexión entre titores legais, alumnado, profesorado e centro, e as titorías supoñen unha oportunidade -e un espazo reservado por lei- para coñecer e traballar co alumnado, favorecendo a súa integración e participación, ofrecendo orientación e mediando entre os diferentes axentes educativos. Este carácter central do titor na comunidade educativa fai del a persoa idónea para o traballo co alumnado de aspectos interdisciplinarios como son as habilidades para a vida. Nesta primeira clase con Úrsula, centrámonos especialmente no estudo das habilidades psicosociais que conforman só un dos catro tipos de habilidades para a vida. As habilidades de control dun mesmo, as habilidades sociais que favorezan as relacións interpersoais, así como as habilidades cognitivas como é o caso do pensamento crítico e o pensamento creativo, son destrezas esenciais para o correcto desenvolvemento dos nosos adolescentes, e por ese mesmo motivo, o seu traballo nas aulas é primordial, sendo as titorías un espazo perfecto para o seu reforzo.
Xunto co meu colega Álex Valverde, propuxemos a seguinte actividade para titoría, coa fin de fomentar ditas habilidades ao tempo que traballamos as técnicas de debate achegando un tema que esperte no alumnado a interese polo noso campo: a lingua estranxeira.
Actividade de debate sobre o dereito á autodeterminación dos pobos e o dereito á integridade dos Estados. A raíz da importante presenza do caso de Cataluña nos medios de comunicación, decídese realizar unha actividade de debate que permita ao alumnado adoptar un punto de vista amplo aprendendo sobre outros exemplos presentes en países de fala inglesa ou francesa, como son os casos de Escocia en Reino Unido ou Quebec en Canadá.

Temporalización
Para preparar ao longo de varias sesións. Apto para calquera momento do ano escolar.
Nivel
Realizable en calquera curso, aínda que máis recomendado para segundo ciclo da ESO ou para bacharelato.
Obxectivos
  • Fomentar o pensamento crítico e a reflexión sobre temas de actualidade.
  • Inspirar o respecto, a tolerancia e a liberdade de opinión.
  • Mellorar as habilidades comunicativas: expresión, comprensión, interacción e mediación.
  • Empregar as TIC para a busca e contraste de información.
  • Tomar conciencia das relacións internacionais e a globalización.
  • Fomentar o interese pola actualidade doutros países.
Descrición da tarefa
  1. O alumnado, por parellas ou en pequenos grupos, deberá realizar unha busca de información (artigos en diversos xornais locais, noticias, estadísticas oficiais, etc) sobre os procesos de autodeterminación dos casos escocés, quebequés e catalán. O docente pode proporcionar unha ficha cunha serie de aspectos a tratar que sirva de guía.
  2. Cada grupo compartirá a información recollida co resto de compañeiros e compañeiras mediante unha presentación que se pode apoiar en calquera tipo de material que poida ser interesante (imaxes, gráficas, vídeos, etc.). Deste xeito tódolos grupos terán unha idea xeral da situación en cada un dos países.
  3. O grupo-aula será dividido agora en catro novos equipos para levar a cabo o debate, dous a favor e dous en contra da independencia, sendo interesante que cada grupo adopte un rol ficticio, como por exemplo de goberno central, goberno rexional, multinacional, asociación de cidadáns… O alumnado debe manter presente que non se trata da defensa de opinións persoais, senón da posición do rol que lle corresponde.
  4. Antes do debate, reservarase un tempo para a preparación de argumentos e a anticipación de preguntas e posibles respostas.
  5. Finalmente, levarase a cabo o debate no que o titor ou un ou máis alumnos poden actuar como moderadores. Cada grupo fará unha intervención inicial expoñendo a súa posición con respecto á situación, e posteriormente se abrirá a discusión facendo fincapé no respecto das quendas de palabra.
Recursos
  • Aula de informática, ordenadores, tabletas, teléfonos móbiles ou outros para a busca de información.
  • Pupitres móbiles para a disposición da aula de xeito idóneo para un debate.

Como docentes, outro dos aspectos que se espera de nós é o coñecemento dos nosos educandos e a adaptación da nosa práctica docente ás súas necesidades específicas. Nunca debemos esquecer que a nosa labor ten como finalidade o éxito do alumnado no sistema educativo, e por tanto debemos ter presentes dous tipos de medidas de adaptación á diversidade: ordinarias, cando non requiren dunha modificación significativa do currículo, son medidas que teremos que poñer en marcha continuamente na nosa experiencia docente, pois inclúen medidas que afectan á forma de aprendizaxe, ritmos, etc.; e extraordinarias, menos presentes, pois requiren dunha modificación relevante do currículo. Como puidemos observar na aula, entre as medidas de adaptación curricular máis complexas atópase PMAR (Programa de Mellora da Aprendizaxe e do Rendemento), xa que a diferencia de outras propostas como a FPB, este programa prevé a reincorporación do alumnado ao grupo xeral no último curso da ESO. Por tanto, a práctica docente e os materiais empregados non só deben estar adaptados mediante unha simplificación, senón que non deben impedir que o alumnado se desenvolva nun nivel superior unha vez reincorporado.
Durante a segunda sesión desta materia, vimos os diferentes programas de linguas estranxeiras vixentes, non só dirixidos a alumnado senón tamén ao profesorado. Entre eles, probablemente no que máis centramos o noso traballo foi o programa de auxiliares de conversación. O ano pasado tiven persoalmente a oportunidade de participar neste programa como auxiliar de conversación en español en Francia, polo que reflexionar sobre o deseño de actividades esta vez dende o punto de vista do docente foi especialmente interesante. De novo, Álex e eu propomos unha lista de posibles actividades a levar a cabo cun auxiliar, como a redacción dun blog, e desenvolvemos máis pormenorizadamente a seguinte:

Temporalización
Durante unha sesión do terceiro trimestre, a modo de preparación para as probas ABAU
Nivel
2º de Bacharelato
Obxectivos
  • Empregar o Reported Speech
  • Empregar os tempos pasados
  • Activar vocabulario xenérico 
  • Reformular a mensaxe, adaptándose e anticipando posibles carencias de vocabulario e gramática.
  • Improvisar  en lingua estranxeira interactuando con varios falantes.
Descrición da tarefa
  1. O auxiliar de conversación expón unha situación hipotética na que pide un favor ao alumnado pero este non o cumpre. 
  2. Seguidamente, o auxiliar pide explicacións ao alumnado, que un por un irá construíndo unha historia que explique a falta de compromiso, apoiándose no discurso do compañeiro/a que o/a preceda. O auxiliar pode intervir para guiar a historia, animar ou cambiar a orde de participación, etc. Exemplo:
    ·       (Christian) I couldn’t return the book you gave me to the library because I was sick, so I gave it to Lucía.
    ·       (Lucía) Yes, Christian gave it to me and told me to return it to the library, but then my mom asked me to go to the supermarket, so I asked Carlos to return it for me.
    ·       (Auxiliar) Then… Carlos, have you got the book yet?
    1. O docente pode ir tomando nota de aspectos a corrixir ou sobre os que reflexionar.
    Recursos
    O auxiliar de conversación como recurso humano.

    Por último, outra das manifestacións da lingua estranxeira na ensinanza prodúcese na denominada metodoloxía AICLE que plantexa a ensinanza de contidos dunha materia empregando a lingua estranxeira como lingua vehicular. Ben é certo, que como docentes de lingua estranxeira esta metodoloxía non vai dirixida especificamente para nós, pero o seu funcionamento é aínda así interesante polo seu carácter innovador. A continuación podedes observar a nosa proposta de actividade para unha aula AICLE de Historia:

    Materia
    Historia
    Título
    Nivel
    1º Bacharelato
    Temporalización
    Dúas sesións de 50 minutos
    Tema
    A guerra de Vietnam
    Contido
    A guerra de Vietnam e as súas consecuencias para E.E.U.U.
    Comunicación
    Past Participle Irregular verbs.
    Os diferentes tempos pasados en inglés.
    Vocabulario de contexto bélico.
    Entender a ironía do cantante en certas pasaxes (e diferenciar da rabia amosada noutras).
    Cognición
    Entender a guerra de Vietnam: causas; e as consecuencias: soldados con secuelas non so físicas e psicolóxicas, senón tamén de afastamento da sociedade, en moitos casos sen traballo nin acceso a el, e esquecidos polo país polo que loitaron.
    Competencias
    Que significou Vietnam para os E.E.U.U. e os problemas que tivo o país -moi dividido- mesmo xa desde antes de dar comezo.
    Traballar en grupos.
    Habilidade de escritura e expresión creativa.
    Comunidade
    Desde os conflitos máis pequenos ata os maiores problemas, hai que buscar a mellor solución pacificamente: todas as guerras rematan mal para ambos bandos, vencedores e vencidos.
    Recursos
    Reprodutor de música coa canción, portada, follas para a actividade de encher os ocos.

    Comentarios

    1. Ola Marcela,

      Moitas grazas pola túa contribución na entrada e as túas ideas.

      A continuación fago algúns comentarios:

      Non fixeches a pregunta sobre que actividades son mellores para o alumando de PMAR. Polo que esta conta como non entregada.

      Na actividade número 1, onde presentas unha actividade para a hora de titoría, comentarte que cando programamos debemos especificar o número de sesións e nivel, non dicir varias e vale para varios cursos. Debería ser específico. Na túa entrada pos: “Deste xeito tódolos grupos terán unha idea xeral da situación en cada un dos países.” Ollo, falas de Escocia, Quebec e Cataluña. Quebec é unha provincia e Cataluña é unha comunidade autónoma, polo menos agora mesmo. Debemos ter moito coidado se tratamos temas que teñan que ver coa política na aula, pode haber alumnado que non se sinta cómodo expresando ideas políticas diante dos seus docentes. .

      Paréceme un tema complicado para alumnado de 4º ESO, xa que moitos probablemente non posúan tantos coñecementos históricos, culturais e políticos para defender tantas posturas diferentes. Probablemente deberían ler, e coñecer a constitución e algo de lexislación para poder basear os seus argumentos e defender determinadas posturas.

      A actividade que propós para facer co/coa auxiliar de conversa paréceme moi boa, o único que dis que é a modo de preparación para as probas ABAU, e para as probas ABAU deberían traballar algo de fonética, vocabulario concreto e sentence transformations.

      En canto a lección CLIL que propós paréceme interesante. Na materia, fíxate que non sería historia, senón historia do mundo contemporáneo (En bacharelato tamén hai historia da arte, historia de España e historia da filosofía). Non introduciches ningunha actividade co/coa auxiliar de conversa na lección CLIL. Tampouco entendo por que se ti es de Lingua Estranxeira Francés, fas unha lección CLIL en inglés.

      Falta a despedida do blog.

      Grazas polo traballo e as túas ideas,
      Un saúdo,
      Úrsula.

      ResponderEliminar

    Publicar un comentario

    Publicacións populares deste blog

    Didáctica da Ensinanza de Linguas Estranxeiras con Gonzalo Constenla

    Comentarios aos blogs dos compañeiros