2ª Entrada para a docente Úrsula Kirsten

Nesta última entrada de blog para o Mestrado para o Profesorado, imos facer unha pequena recompilación do tratado na última sesión de Didáctica da Ensinanza de Linguas Estranxeiras coa docente Úrsula Kirsten, e compartirei con vós algunha reflexión e tarefas deseñadas xunto co meu compañeiro Álex Valverde en relación cos temas vistos na clase.
O primeiro aspecto plantexado foi as competencias chave, termo que levabamos ouvindo e co que traballamos dende principio de curso na materia de Deseño Curricular coa docente Margarita Pino. Sen embargo, ata agora non enfocáramos a cuestión dende a base: que quere dicir ser competente? E sobre todo, dende o punto de vista do profesor: un profesor tamén ten que demostrar unhas competencias? E que é un profesor competente? Unha vez aclarado o concepto, afondar nos cambios lexislativos e a súa aplicación na aula cobrou máis sentido. Dado a gran variedade de actividades que se poden levar a cabo para o traballo das competencias, organizámonos en pequenos grupos de xeito que cada un se encargaría de propoñer posibles tipos de tarefa para unha competencia en concreto. Begoña, Álex e máis eu compuxemos a seguinte lista correspondente á competencia dixital:

Competencia dixital:

  • Actividades a través de aplicacións como Kahoot
  • Produción audiovisual: gravacións de audio, vídeos, etc.
  • Uso de vídeos, cancións e outro formatos multimedia na aula.
  • Blogs, wikis, etc.
  • Actividades a través de WhatsApp (atención á idade legal e políticas de uso de móbiles).
  • Correo electrónico
  • Busca de información
  • Correspondencia dixital
  • Realizar sketches
  • Pizarra electrónica
  • Libros electrónicos
  • Realización de traballos en soporte electrónico
  • Radio escolar
Como vimos na aula, as competencias non só deben ser traballadas e avaliadas, senón que supoñen o eixo central do proceso de ensinanza-aprendizaxe. Para moitos profesores e profesoras, as competencias seguen sendo un elemento abstracto que hai que ter en conta nas programacións didácticas de cara a inspección, pero a urxencia de cambiar o noso enfoque docente e construir e avaliar o coñecemento en base a elas é real. Dende o punto de vista do estudo dunha lingua estranxeira, Álex e eu chegamos á conclusión de que o estudo dunha lingua estranxeira supón para o alumnado unha oportunidade para entrar en contacto con outras realidades diferentes á súa. Nun mundo cada vez máis globalizado, onde o acceso á información e o contacto entre sociedades está a un só clic, a adquisición e o perfeccionamento da comprensión e expresión oral e escrita noutra lingua é crucial para que o alumnado non só sexa consciente da existencia dun amplo abanico de sociedades e culturas senón que conte coas ferramentas precisas para comprendelas, valoralas e participar activamente nelas. 
A nivel individual, o dominio dunha lingua desemboca na reestruturación do pensamento. A adquisición de recursos para a expresión durante a comunicación vai ligado a unha mellor identificación dos coñecementos. A comprensión das culturas e sociedades ligadas a dita lingua, derivan no desenvolvemento dunha actitude tolerante, reflexiva e construtiva.
A nivel colectivo, a lingua estranxeira será o vehículo que permita aos estudantes convivir nun ambiente cosmopolita, sendo capaz de expresarse e de sentirse representado en tódolos aspectos da vida cotiá, ser capaz de solicitar axuda para a resolución de problemas cando sexa necesario e tamén de colaborar con outras persoas cunha actitude solidaria, ética e democrática.
Na aula, iniciaremos aos mozos e mozas no descubrimento das súas capacidades, fomentaremos a motivación, a auto confianza para que eles mesmos desenvolvan o gusto por aprender e as gañas de contribuír ao patrimonio cultural dos pobos que lles achegaremos. 

Atendendo máis especificamente á práctica na aula, tivemos a oportunidade de facer unha reflexión sobre os enfoques docentes e a súa repercusión na ensinaza-aprendizaxe do vocabulario e a gramática en clase de lingua estranxeira. A evolución na filosofía da didáctica de linguas parece non ter fin, ao longo da historia se defende e se contesta a prioridade de certos aspectos da lingua sobre outros, o emprego dun método dedutivo ou indutivo, etc. Úrsula propúxonos dende a súa experiencia persoal unha breve guía cunha serie de recomendacións para o deseño da ensinanza do vocabulario e a gramática seguindo un enfoque equilibrado: o enfoque comunicativo. Partindo deste enfoque, Álex e máis eu plantexamos a seguinte tarefa:


Tarefa: o vocabulario do turismo

Temporalización
Dúas sesións de 50 minutos
Nivel
3º ESO
Competencias
CCL, CMCCT, CAA, CSC, CSIEE, CCEC
Obxectivos
  • Adquisición de novo vocabulario e activación de vocabulario previo.
  • Comprensión e análise de materiais de promoción turística.
  • Comprensión oral de mensaxes relacionadas co ámbito das viaxes.
  • Organizar unha viaxe empregando a lingua estranxeira, atendendo a tódolos aspectos esenciais.
Descrición da tarefa
  1. Proxección dun vídeo que promocione o turismo no país de orixe do auxiliar de conversación.
  2. Brainstormingde vocabulario: Que tipos de turismo existen? Que tipos de transporte e métodos de pago podemos empregar? Que temos en conta cando organizamos unha viaxe? Que levar na equipaxe?...
  3. O auxiliar descríbenos tres viaxes distintas, das cales só unha é certa, empregando o vocabulario visto previamente. O alumnado cobre unha táboa cos datos esenciais de cada viaxe (medio de transporte, método de pago, tipo de aloxamento, destino, etc.) e trata de descubrir cal é a viaxe verídica.
  4. O alumnado divídese en grupos atendendo a dous roles: turista ou axencia de viaxes. Os turistas organízanse ao redor dunha situación hipotética, deben de decidir quen son e a onde e como queren viaxar, valorando a creatividade. O docente ou o auxiliar pode propor algún exemplo, ou mesmo engadir detalles ás ideas do alumnado. Por exemplo: unha parella de amigos quere ir de viaxe cos seus fillos, queren pagar con tarxeta e por separado, un quere ir de viaxe a un lugar frío e aloxarse nun albergue, e o outro prefire ir a un lugar cálido e aloxarse nun hotel xunto a praia, un deles ten medo a voar. O axente de viaxes debe propor varias opcións, interactuar cos turistas e recomendar a mellor.
Medidas de atención á diversidade
  • Para aqueles rapaces e rapazas que presenten dificultades para tomar notas e organizar o novo vocabulario, pódese repartir unha ficha recapitulativa trala actividade de brainstorming.
  • Para os fastfinishersdurante a actividade de roleplay, o docente e/ou o auxiliar, poden propor novas situacións máis complexas para que leven a cabo. Tamén se lles pode pedir que interactuen co auxiliar, esta vez describindo eles mesmos tres viaxes das cales unha sexa certa.
Recursos
O auxiliar de conversación como recurso humano.
Encerado e táboas de datos esenciais sobre as viaxes como recursos materiais.


Non me gustaría finalizar a materia, en particular a parte correspondente á docente Úrsula Kirsten, sen resaltar o satisfeita que estou co aprendido na clase. Considero que despois dun gran aporte teórico nas materias precedentes, a naturalidade e franqueza coa que a profesora compartiu a súa bagaxe e experiencia persoal, ademáis da variedade de recursos e ideas que puxo á nosa disposición, son probablemente algún dos aspectos máis útiles para a nosa futura práctica docente que nos levamos do mestrado.

Gracias!

Comentarios

  1. Ola Marcela,

    Grazas pola túa entrada.

    Engado os meus comentarios a continuación:

    Primeiro comentarte que non se chaman competencias chave senón competencias clave en galego tal e como aparece na web da Xunta e na lexislación en galego.

    Deberiamos citar as fontes das fotos.

    No exercicio 1 da sesión 3 onde tiñas que dicir como contribuímos dende a materia de LE as diferentes competencias, só incluíches as actividades que vos tocou na competencia de grupo, pero tiñas que falar de todas.

    Nas actividades de vocabulario, a actividade 2, a de brainstorming, debería ser o warm-up, non a actividade 2. Na actividade número 1 pos a proxección dun vídeo. A proxección de un vídeo non é unha actividade. Deberías incluír algún tipo de tarefa, por exemplo, completar frases co vocabulario empregado no vídeo, responder a unhas preguntas sobre o vídeo, etc. A actividade número 3 está moi ben, pero é unha actividade guiada. Faltaríanos unha actividade semiguiada antes da última, que é aberta.

    Grazas polo teu traballo e esforzo,
    Un saúdo,
    Úrsula.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Didáctica da Ensinanza de Linguas Estranxeiras con Gonzalo Constenla

Comentarios aos blogs dos compañeiros