Didáctica da Ensinanza de Linguas Estranxeiras con Cristina Rodríguez


Benvidos a unha nova entrada de blog, esta vez para unha nova materia, a Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras correspondente ao Tema 5: Estratexias de comunicación. A comunicación oral e escrita e o seu tratamento na aula. Procedementos para o fomento das catro habilidades na aprendizaxe de linguas estranxeiras (falar, escoitar, ler, escribir). Actividades de expresión, interacción e mediación oral. Actividades de expresión, interacción e mediación escrita. Práctica de aula e uso de rúbricas para avaliar a comprensión oral e escrita impartido pola docente Cristina Rodríguez nas sesións do 9, 10 e 17 de xaneiro. Nesta entrada, a diferencia das publicadas previamente para a materia de As Linguas Estranxeiras no Contexto Nacional e Internacional, realizarei un breve percorrido polo desenvolvemento das clases ao tempo que comparto convosco unha reflexión persoal sobre os temas tratados.
Como ben sabedes, ao longo deste tema tratamos catro conceptos chave -comprensión, produción, interacción e mediación- non tan facilmente diferenciables. Aquel ao que probablemente opuxemos máis resistencia foi o concepto de mediación. A primeira sesión foi adicada exclusivamente a esta idea. Comezamos cun debate en grupos sobre a definición de plurilingüismo, tentando elaborar o perfil plurilingüe de cada un de nós e tratando a súa cabida na aula de lingua estranxeira. O primeiro desengano en canto á definición produciuse cando aprendemos que lonxe de como entendemos o bilingüismo, o plurilingüismo non require dun dominio parello de tódalas linguas. Os nosos perfís plurilingües incluían entón non só tódalas linguas nas que tiñamos certo nivel de competencia comunicativa, senón tamén todas aquelas falas características dunha mesma lingua nas que nos podíamos comunicar, dando lugar a un panorama lingüístico moito máis amplo e motivador. En canto á cabida destes perfís na aula de lingua estranxeira, chegouse a un consenso apoiado pola propia experiencia dos compañeiros e compañeiras como estudantes de idiomas: as linguas non están illadas, e o emprego dunhas para comprender outras é un proceso moitas veces inconsciente que axiliza a aprendizaxe, coma unha andamiaxe. A profesora corroborou esta crenza asegurando que o emprego doutras linguas na aula de lingua estranxeira se presenta coma unha nova tendencia en contraposición ao tradicional esforzo por erradicalas. Este contexto de multilingüismo, no que calquera coñecemento lingüístico é totalmente válido como ferramenta para a competencia comunicativa, supón un entorno idóneo para introducir o traballo de actividades de mediación, as cales aparecen no Companion Volume do MECR (2018), o currículo de secundaria, e ata supoñen un 20% no novo currículo das EOI. A finalidade destas é precisamente achegar información a un receptor que por certo motivo non foi quen de chegar a ela mediante o emprego doutras linguas, a reformulación, etc., acción tan natural e habitual no emprego de linguas estranxeiras.
A continuación adxunto a actividade que deseñamos xunto cos meus compañeiros Álex e Santi para o traballo desta destreza:


A primeira e principal dificultade á que nos enfrontamos foi a de establecer unha situación na que se precisase claramente dunha mediación sobre a cal construír o noso proxecto. Non bastaba con propor unha dinámica de interacción senón que a mediación ía un pouquiño máis aló, requirindo unha motivación por parte dun dos interlocutores de axudar a comprender unha información á persoa ou resto de persoas implicadas. Tendo en conta isto, escollemos como contexto unha colaboración entre centros de secundaria no Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, e decidimos traballar cun documento auténtico, a canción La puerta violetade Rozalén. Para non perder esa idea de mediación, centrámonos na interpretación das metáforas e moral do texto, algo que é facilmente explotable tanto dende a subxectividade de cada persoa como dende a cultura colectiva de cada país, dando lugar a un intercambio entre alumnado de diversas orixes máis que motivado. Facer fincapé nesta destreza levounos case sen esforzo a deseñar unha actividade centrada na acción, xa que o alumnado levaría a cabo unha serie de tarefas colaborativas cuxo obxectivo principal non sería lingüístico senón resolver unha situación real.
Outra das actividades da lingua que tratamos na aula foi a comprensión oral e escrita. Durante esta sesión, o concepto non supuxo ningún reto, sen embargo, si foi interesante ver algúns trucos para mellorar as estratexias de aprendizaxe e de xestión do fracaso do alumnado (como a tolerancia á ambigüidade) así como practicar a explotación de documentos dirixidos ao desenvolvemento deste tipo de habilidades. A miúdo a comprensión oral e escrita é unha destreza que se trata de xeito breve ou esporádico, e cando se lle adica un pouco máis de tempo tende a traballarse en cru sen ningún tipo de preparación previa ou de reflexión posterior. No deseño por parellas dunha actividade de comprensión oral e escrita, sorprendeume descubrir ata que punto se pode espremer o documento de traballo para organizar unha tarefa completa e pertinente. De novo vos adxunto o resultado para que lle botedes unha ollada:



En canto a esta destreza, un dos aspectos que considerei máis salientable foi a dualidade entre comprensión intensiva e comprensión extensiva. Esta diferenciación, un pouco orientada cara o tema da motivación, refírese á comprensión oral ou escrita realizada na aula cun fin determinado fronte á comprensión de materiais que traten temas de interese, por mero pracer. Na miña experiencia persoal como estudante de linguas estranxeiras, considero que o punto óptimo na aprendizaxe se alcanza mediante a inmersión, e aínda que como docente, levar temas de interese do alumnado ao traballo na aula é ideal, como alumno, esta inmersión conséguese levando a lingua estranxeira á nosa vida cotiá, especialmente ao noso tempo de ocio. Unha persoa que adore cociñar, probablemente aprenda rapidamente unha longa lista de phrasal verbs poñendo en práctica receitas dun youtuber ou instagrammer, que traballando un texto do mesmo tema nun contexto académico.


Comentarios

  1. Hola Marcela! Enhorabuena por tu entrada. Me gustaría aportar una pequeña opinión personal en lo que se refiere al concepto de plurilingüismo. Ya que no hace falta dominar la lengua al 100% para ser plurilingüe. Este concepto describe el hecho de que una persona o una comunidad sea multilingüe, es decir sea capaz de expresarse en varias lenguas.
    Existe un problema hoy en día ya que hay una amenaza a la diversidad cultural. Un 90% de las lenguas están en amenaza de extinción y que podrían desaparecer en unos 50 años.

    Un saludo

    Trinidad

    ResponderEliminar
  2. Boas Marcela!
    E ola Trini!
    Gustariame introducir a miña pequena aportación aquí: é certo o que di Trini, pois as linguas desaparecen a unha velocidade vertixinosa; aínda que non o creades, a media é que cada oito días unha lingua déixase de falar no noso planeta, e isto é, aínda que un feito estatístico, unha realidade. Mesmo o galego, que hoxe ten unha saúde aceptable, está estimado que vai desaparecer cara o ano 2100.
    Un saúdo ás dúas e vémonos na clase!

    ResponderEliminar
  3. Olvidóuseme engadir antes que as linguas minoritarias están a se deixar de falar debido nun 99% á globalización: cada vez o mundo tende a estar máis homoxeneo, e isto deriva nun abandono do "persoal" en detrimento do "universal". Isto é, as linguas máis faladas no mundo son as principais causantes de que case cincuenta linguas estean a deixarse de falar cada ano.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Didáctica da Ensinanza de Linguas Estranxeiras con Gonzalo Constenla

Comentarios aos blogs dos compañeiros