Os aspectos positivos e negativos do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas
En relación co Tema 2 O Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas: Obxectivos, métodos e prioridades da política lingüística europea, da materia de As linguas estranxeiras no contexto nacional e internacional, achégovos esta vez ao blog unha reflexión persoal sobre os aspectos positivos e negativos deste marco de referencia. O MCER –ou CEFR en inglés- é un proxecto que ten os seus inicios xa no ano 1971 pero que non se materializou ata o ano 1991 por iniciativa do goberno federal suízo, e que se viu reflexado nun documento final elaborado polo Consello de Europa en 2001 durante a celebración do Ano Europeo das Linguas. Este traballo resultou no establecemento dun estándar europeo –empregado tamén noutros países fóra de Europa- que serve para medir o nivel de dominio dunha determinada lingua. Pretende ademais, proporcionar unha base común para a elaboración de programas de linguas, currículos, probas, manuais, etc.; describir de forma integradora os coñecementos que ten que aprender e as destrezas que ten que desenvolver o alumnado para comunicarse eficazmente en lingua estranxeira; así como permitir unha avaliación do progreso do alumnado en cada fase de aprendizaxe.
Os esforzos investidos na realización e desenvolvemento deste proxecto teñen evidentes resultados positivos. Un deles é a intensificación da aprendizaxe e ensinanza de idiomas, que agora conta cunhas pautas especificadas que permiten unha avaliación continuada non só do desempeño do alumnado senón tamén da docencia. Esta estruturación do proceso de ensinanza-aprendizaxe acaba por homoxeneizar o uso da idioma daqueles que o empregan como lingua estranxeira, o que simplifica a comunicación internacional. Non obstante e pese a esta estandarización, cabe destacar que se intenta respectar a diversidade das linguas reservando descritores detallados para cada unha delas, así como a integridade da linguaxe, recoñecendo a interacción das dimensións nas que se divide (comprensión, produción, interacción e mediación). Como consecuencia da mellora da comunicación, facilítase a mobilidade entre países, especialmente grazas ao rápido recoñecemento de certificados de idiomas que antes supuña unha tarefa difícil e en moitas ocasións inexacta. O Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas foi unha iniciativa que pretendeu poñer en marcha unha acción común no ámbito cultural a nivel europeo e, polo tanto, supuxo unha cooperación entre as institucións educativas de diferentes países.
Porén, o MCER non está libre de escepticismo sobre a adecuación da súa formulación e a necesidade e efectividade da súa aplicación. As linguas son sistemas comunicativos dunha grande complexidade que gardan unha relación de reciprocidade cunha longa lista de elementos como poden ser o lugar xeográfico no que se falen, a cultura da poboación que a emprega, a sociedade, etc. Ademais o uso da lingua varía moito segundo as necesidades do contexto no que se use, o que fai difícil de crer que todas estas realidades se poidan analizar e clasificar nun único marco de referencia coa suficiente veracidade. Pese a desconfianza que espertou no seu momento, o Marco foi e é aínda empregado de xeito estendido, aínda que non debemos esquecer que calquera proxecto é susceptible de mellora.
Entre os aspectos menos positivos deste proxecto, podemos subliñar en primeiro lugar o proceso de institucionalización da aprendizaxe que comporta. Os contidos, competencias e destrezas que se ensinan e aprenden están delimitados, obrigando ao proceso de ensinanza-aprendizaxe a seguir unhas pautas precisas. Así mesmo, a creación dunha serie subxectiva de niveis cunha nomenclatura específica provoca unha necesidade ficticia de demostrar o dominio da lingua mediante certificados ou títulos que tal vez non reflexen as capacidades reais do seu posuidor. Calquera intento de establecer niveles de dominio da lingua é ata certo punto arbitrario, xa que o proceso de aprendizaxe é continuo e individual. O uso dos niveis comúns de referencia delimita en certo modo a aprendizaxe cronoloxicamente, negando esa continua evolución/involución e particularidade do dominio da lingua. Por outro lado, o Marco pode pecar tamén de falta de concreción, xa que pretende establecer escalas de medida libres de contexto para poder ser aplicadas en todos eles. Por tanto, os descritores acaban sendo moi globais e a súa utilidade á hora de responder ás necesidades de deseño curricular, de probas, etc. é moi lixeira.
Como podemos ver, o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas é un proxecto que funciona, pero non podemos consideralo como un referente incontestable. Trala elaboración e posta en práctica desta ferramenta, xa pasaron case 18 anos. A nosa obriga é analizar e valorar os resultados do seu emprego e implicarnos na súa mellora e/ou na proposta dun ou varios novos referentes que se poidan aplicar –por que non?- a nivel global.
Me parece muy interesante tu punto de vista del MCERL. Me han gustado especialmente las críticas que le haces: que los niveles de conocimiento creados son subjetivos, que alcanzar un nivel sobre el papel no es sinónimo de tener esas capacidades en la realidad.
ResponderEliminarTambién veo necesario elaborar un análisis objetivo del Marco y valorar sus resultados para poder mejorar la enseñanza de idiomas.