Tema 5: Dossier

Concluído o tema 5 O deseño curricular da materia de As linguas estranxeiras no contexto nacional e internacional, e o primeiro tema impartido polo docente Gonzalo Constenla Bergueiro, dispóñome a realizar unha recompilación das actividades que levamos a cabo ao longo destas tres sesións coa súa correspondente reflexión.
Durante a primeira sesión desta nova materia o 12 de novembro, o docente realizou unha introdución ao funcionamento da mesma, aclarando aspectos sobre a repartición das sesións entre os dous profesores, os contidos que imos tratar, a avaliación etc. A primeira interacción veu cando Gonzalo nos consultou cal dos temas propostos nos parecía máis atractivo ou interesante para a nosa profesión, de modo que tivemos a oportunidade de poñer en común as nosas expectativas sobre a materia. Unha vez finalizada a presentación, posto que aínda nos sobraba un pouco de tempo, lanzámonos directos ao tema 5. Para comezar, Gonzalo propuxo unha actividade que supoñía un novo concepto para todos: o debate piramidal. Este tipo de debate que consiste na reflexión sobre unha cuestión en parellas, e despois en grupos, para chegar a unha conclusión final de maneira conxunta, permite levar a cabo debates con certa orde e control, favorecendo así a participación de tódolos estudantes. Nesta ocasión, discutimos sobre as catro principais competencias dun bo profesor, e gracias a este sistema, puidemos non só chegar a un consenso entre dous grandes grupos, senón tamén escoitar cada unha das diferentes propostas de cada compañeiro. Tralo debate, realizamos un cuestionario en grupos sobre o currículo, que incluía aspectos como que é, cales son os elementos curriculares, cales son as competencias clave ou cales son os graos de concreción curricular. Esta última actividade cooperativa da sesión serviu como avaliación inicial para saber cales eran os nosos coñecementos previos, pero tamén como forma de asentar unha base sobre a que construír a aprendizaxe das seguintes clases.
A segunda sesión do 19 de novembro comezámola dun xeito moi divertido e innovador. Empregamos por primeira vez a aplicación Kahoot na aula, a cal consiste nunha plataforma gratuíta que permite ao docente crear concursos educativos nos que son os alumnos os que compiten. A aplicación propón dous modos de xogo –individual ou en grupo- e varios extras para a creación do xogo, como modificación do tempo de conta atrás, as posibles respostas, engadir fotos ou vídeos, etc. Moitos de nós non coñecíamos esta ferramenta polo que tivemos que descargar a aplicación nos nosos teléfonos móbiles, crear un nome de equipo e acceder ao xogo empregando o código pin proporcionado por Gonzalo. Respondemos por parellas a 24 preguntas sobre a lei encanto á repartición de competencias para o deseño curricular, con catro posibles respostas: goberno central, autonómico, ministerio ou centros. Esta actividade foi unha forma moi interesante, e na miña opinión moi acertada, de impartir os contidos relativos aos graos de concreción curricular que adoitan ser tan complexos e en ocasións aparentemente ilóxicos. As posibles opcións dispostas en cores e iguais ao longo de todo o cuestionario, favoreceu a interiorización dos distintos graos de concreción. A intervención do profesor tras cada pregunta cunha análise das respostas erróneas e unha explicación da resposta acertada permitiunos ir comprendendo e construíndo a aprendizaxe ao mesmo tempo que íamos adaptando as nosas respostas ás cuestións seguintes. A posibilidade que ofrece a aplicación para seguir as posicións e a puntuación na clasificación dos alumnos, incentivou a competitividade entre nós o que resultou nunha maior atención e mellor capacidade de memoria. Na última sesión do tema 5 do 26 de novembro, retomamos esta aplicación para traballar sobre as competencias para o deseño curricular, esta vez sobre a EOI e mediante o modo individual, co mesmo éxito que na primeira ocasión. Para rematar, na segunda parte do segundo día, levamos a cabo unha actividade de construción cooperativa sobre as linguas estranxeiras na vixente lei educativa LOMCE. Para iso empregamos a plataforma Google Drive que nos permitiu recompilar información sobre un gran número de aspectos nun só documento e de forma rápida e eficaz. Os diferentes apartados de busca foron repartidos polo docente entre os grupos de tres persoas. Dentro do grupo que me correspondeu, subdividimos os apartados –no meu caso, os principios metodolóxicos xerais da ensinanza de linguas estranxeiras no bacharelato- e encargámonos de completar a información de forma autónoma, prestándonos apoio en caso de ter dificultades. Ao mesmo tempo, Gonzalo encargouse de ir guiando a nosa busca comprobando a información que engadíamos e realizando comentarios tamén a través da plataforma.
Para min, o desenvolvemento das clases sobre o tema 5 non só foron unha oportunidade para mergullarse no estudo da densa lei educativa, senón tamén unha ocasión para coñecer e poñer en práctica dende o punto de vista do alumnado un importante número de ferramentas educativas e lúdicas. É importante sinalar o esforzo por parte do docente de presentar unha materia, cun temario tan teórico como é este, dende un enfoque tan innovador, ameno e participativo. O estudo da lexislación educativa nunca foi tan fácil e práctico. 

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Didáctica da Ensinanza de Linguas Estranxeiras con Gonzalo Constenla

Comentarios aos blogs dos compañeiros