Tema 5: Diario
Despois da entrada previa sobre o transcurso das sesións do tema 5 sobre O deseño curricularpara a materia de As linguas estranxeiras no contexto nacional e internacionalco docente Gonzalo Constenla Bergueiro, traio ao blog unha reflexión sobre unha das partes do tema que espertou unha especial interese en min: As linguas estranxeiras no currículo da Formación Profesional. Preséntovos a continuación unha síntese do contexto e o tratamento das linguas nesta etapa educativa acompañada por un comentario persoal.
A lei educativa vixente LOMCE, que entrou en vigor a finais do ano 2013, propuxo un sistema educativo disposto en etapas que preparan ao alumnado para pasar á seguinte etapa dunha traxectoria diferenciada que se axusta ás súas competencias e capacidades. Este sistema dispón a educación secundaria obrigatoria como un sistema de cribas que dirixe rapidamente ao alumnado que non demostre as suficientes competencias académicas cara opcións profesionalizantes. Introduce por primeira vez no sistema educativo española Formación Profesional Básica dunha duración de dous anos e cun currículo radicalmente simplificado con respecto aos cursos de segundo e terceiro da ESO, o que pode resultar nun catálogo prematuro do alumnado e no peche de portas para o seu futuro.
Nesta nova oferta educativa, a lingua estranxeira deixa de conformar unha materia independente para pasar a formar parte dos módulo profesionais de Comunicación e Sociedade I e II xunto coas materias de lingua castelá, lingua galega e ciencias sociais. Este módulo ten unha carga horaria de 59 e 34 horas, sen embargo, como ben vimos en clase, en ningún momento se recolle unha adxudicación específica de horas ás diferentes materias que o conforman. Ademais, este módulo ten como referente o currículo das materias da ESO incluídas no bloque común correspondente, algo que parece difícil de conciliar tendo en conta que a carga horaria en tódolos cursos da ESO independentemente do itinerario de ensinanzas é de 3 horas semanais só para a primeira lingua estranxeira. Finalmente, existe un obxectivo xeral único para esta materia nesta etapa que é o de desenvolver habilidades lingüísticas básicas en lingua estranxeira para comunicarse de xeito oral e escrito en situacións habituais e predicibles da vida cotiá́ e profesional.
Seguidamente, atópanse os ciclos formativos de grao medio e grao superior que xa aparecían recollidos na anterior lei educativa de 2006 LOE e que se organizan, ao igual ca Formación Profesional Básica, en dous anos cada un. Neste caso, a lingua estranxeira conforma un módulo profesional propio, pero a súa oferta no currículo da Formación Profesional non é obrigatoria e polo tanto é case imposible atopala. Non obstante, a Consellaría de Educación pode determinar que certos módulos profesionais se poidan impartir nunha lingua estranxeira. Segundo as investigacións que levamos a cabo xunto cos meus compañeiros de clase, no caso da Formación Profesional de grao medio só está presente unha primeira lingua estranxeira en cinco graos relacionados cos ámbitos marítimo e pesqueiro, comercio e márketing, hostalaría e turismo, e administración e xestión, é dicir, sectores profesionais onde se producen situacións de contacto internacional e intercultural e onde o dominio dunha lingua estranxeira é imperativo. Ademais, o currículo xa non recolle unha formación ampla na lingua, senón que se adapta ás características profesionais específicas de cada ciclo formativo
Por outra parte, outro dos aspectos nos que difiren a Formación Profesional e a Educación Secundaria Obrigatoria e o Bacharelato en canto ao tratamento das linguas estranxeiras nos seus respectivos currículos é o nivel de dominio da lingua estranxeira que se lle esixe ao equipo docente encargado de impartir estes módulos. Para o exercicio da docencia dunha lingua estranxeira en Formación Profesional só é preciso acreditar un nivel equivalente ao B2 segundo o MCER.
A serie de aspectos que acabamos de ver chamaron á miña atención pola súa incongruencia cunha lei educativa cuxo forte enfoque europeo incide na importancia do plurilingüismo na formación do alumnado para o mercado laboral. Hoxe en día a mobilidade laboral está á orde do día e así se recolle na LOMCE, tanto que non só apela á aprendizaxe dunha primeira lingua estranxeira senón que anima ao estudo de segundas e terceiras linguas estranxeiras. A ínfima presencia destas materias e a pouca profundidade coa que se imparte nos ciclos formativos, así como a deficiente formación dos docentes que as imparten é unha interesante proposta de debate.
Ola, Marcela! Noraboa por esta entrada tan interesante! Concordo totalmente contigo en que a LOMCE "condena" de por vida aos alumnos que non demostran suficientes competencias académicas, sendo a FP Básica o máximo expoñente desta segregación. Ademais,¡ de tódolos datos que expoñes, paréceme moi acertado o debate que abres en canto ao tratamento das linguas estranxeiras nos currículos (moitas veces inexistentes) de FP no contexto europeísta e plurilingüísta que defende a LOMCE. Independentemente da nosa opinión sobre a LOMCE, está claro que se debería revisar o papel dass linguas estranxeiras na FP desde os graos máis altos de concreción curricular. Feliz ano! :)
ResponderEliminar