Tema 6: Dossier

Tras un novo tema, neste caso o tema 6 As programacións didácticas vixentes da materia de As linguas estranxeiras no contexto nacional e internacional,  impartido polo docente Gonzalo Constenla Bergueiro, dispóñome a realizar unha recompilación das actividades que levamos a cabo ao longo destas sesións coa súa correspondente reflexión.
  • Debate piramidal
Durante a primeira sesión adicada a este tema, realizamos unha actividade de debate piramidal -que xa empregaramos con anterioridade no desenvolvemento do tema 5. En primeiro lugar tivemos que botar unha ollada aos diferentes elementos que deben comportar as programacións didácticas segundo o punto 3 do Artigo 24 no Capítulo V da Resolución do 11/05/2018 pola que se ditan instrucións no curso académico 2018/2019 para a implantación do currículo da ESO e do bacharelato nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, escollendo de forma individual aqueles tres que consideraramos máis esenciais. Unha vez tomada unha decisión, xuntámonos en grupos de catro persoas e realizamos unha reflexión conxunta para escoller esta vez entre 4 e 5 elementos. Finalmente, compartimos entre todos as nosas ideas e o por que das nosas decisións, o que puxo en evidencia a grande ambigüedade e variedade de opinións en canto a como debería ser unha programación didática e polo tanto que é realmente este documento. Esta actividade non só nos permitiu cuestionar o que aprenderamos e deramos por feito en materias anteriores como Deseño Curricular onde entramos en contacto por primeira vez coas programacións, senón que tamén nos axudou a reformular eses coñecementos de forma colaborativa e moito máis estable para poder construir sobre eles a nova aprendizaxe.
  • Análise das programacións didácticas
Nos últimos minutos desta primeira sesión, aproveitamos para procurar por grupos unha programación didáctica real dun centro educativo galego de secundaria ou de formación profesional a través da seguinte páxina web, que analizaríamos o luns seguinte tomando nota de diversos aspectos coma os principais apartados, as fontes de información, os contidos e elementos de cada apartado, así como calquera aspecto que chamase a nosa atención. Desafortunadamente, non estiven presente na sesión correspondente a esta actividade, polo que me servín das presentacións de Powtoon -ferramenta que descoñecía- elaboradas polos meus compañeiros e subidas á plataforma YouTube para poñerme ao día para a seguinte sesión. Os comentarios realizados polos meus compañeiros a cada unha das presentacións tamén me serviron de grande utilidade para comprender mellor en que aspectos debía facer máis fincapé. 

  • Elaboración dunha unidade temática

Para finalizar o tema, e poñer en práctica a estrutura sobra a que refleionamos e debatimos nas sesións anteriores, elaboramos por parellas unha unidade temática que podedes consultar aquí arriba, seguindo unha plantilla de Genial.ly -ferramenta que empregáramos tamén con anterioridade. Durante esta actividade, a miña compañeira Cecilia e máis eu fixemos un esforzo imaxinativo deseñando un tema titulado Eating Out, para o que tivemos que establecer uns obxectivos, unha temporalización, decidir competencias e contidos, deseñar actividades, recoller unhs criterios de avaliación e uns mínimos esixibles, así como os instrumentos de avaliación e recursos a empregar. O traballo por parellas para actividades que requiren certa imaxinación sempre é difícil polo feito de que as ideas propostas e a forma de ver a actividade adoitan ser dispares, pero ao mesmo tempo é moi gratificante, especialmente cando se acada unha dinámica de traballo ben coordinada.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Didáctica da Ensinanza de Linguas Estranxeiras con Gonzalo Constenla

Comentarios aos blogs dos compañeiros