Didáctica da Ensinanza de Linguas Estranxeiras con Gonzalo Constenla


Aquí imos coa última entrada de blog para a materia de Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras correspondente ao Tema 1: Situacións e variábeis na situación de ensino das linguas estranxeiras: contextos de adquisición e uso, repertorio lingüístico, a lingua estranxeira a idades precoces impartido polo docente Gonzalo Constenla nas sesións do 8 e 15 de xaneiro. Nesta ocasión, realizaremos un breve repaso dos conceptos vistos na aula e unha posterior reflexión daqueles aspectos máis destacados.
Como de costume, para prepararnos para comezar este novo tema e romper o xeo, Gonzalo trouxo á aula unha actividade que moitos de nós descoñecíamos e que nos permitiu poñer en funcionamento os nosos coñecementos de partida: o diagrama de Venn. Este tipo de diagramas supoñen unha ferramenta idónea para a comparación de ideas, existen tres variantes: círculos superpostos, círculos dentro doutros círculos, ou círculos separados. Nesta primeira tarefa, empregamos a primeira opción para comparar as ideas de lingua materna e lingua estranxeira, anotando aquelas características propias de cada unha en senllos extremos, e as comúns no centro da imaxe. Unha vez improvisada unha primeira proposta coas miñas compañeiras Marta e Fanny, fixemos unha posta en común co resto do grupo aula, descubrindo que contábamos con moitos prexuízos acerca destes conceptos. Entre os trazos máis recorrentes nos diagramas dos meus compañeiros e compañeiras, atopábanse o número posible de linguas maternas, a posibilidade de esquecer a lingua materna, o concepto en si de lingua estranxeira, etc. Co aumento das preguntas e a diversidade de opinión, Gonzalo deu comezo á súa exposición. Tratamos entón as diferentes linguas segundo o seu contexto de adquisición:
  • Lingua inicial: é aquela que entendemos como lingua materna. Non obstante, unha crianza pode adquirir ata dúas linguas iniciais.
  • Lingua segunda: é aquela que se aprende despois da/s lingua/s iniciais en calquera contexto, non necesariamente no ensino, e para a que non hai un número limitado.
  • Lingua estranxeira: á diferencia das dúas anteriores, a lingua estranxeira adquírese unicamente nun ámbito escolar, de xeito consciente e para unha fin concreta.
E o seu contexto de uso:
  • Lingua habitual: é a lingua que o falante emprega na maioría dos contextos. Podemos empregar ata dúas linguas habituais e non teñen porqué corresponderse coa lingua inicial.
  • Lingua de traballo: é a lingua empregada para a comunicación dentro dunha empresa multinacional ou organismo internacional.
  • Lingua vehicular: é aquela que coñecemos como lingua franca. Varía dependendo do contexto e os interlocutores.
Unha vez establecidas estas diferencias, preséntasenos un panorama lingüístico moito máis amplo do que coñeciamos. Falamos entón do repertorio lingüístico, comparando os conceptos de comunidade lingüística e comunidade de lingua. Como exemplo, no meu caso persoal a comunidade lingüística podería estar formada por todos aqueles que son bilingües en galego e castelán, mentres que a comunidade de lingua podería constituírse de todas aquelas persoas que falan francés do Québec. Co obxectivo de afianzar estes conceptos, levamos a cabo unha actividade de Placemat, que se trata dunha estratexia ideal para garantir a participación equitativa de todo o alumnado en calquera situación de debate. Empregando o espazo acordado para cada un dos cinco membros do grupo, plasmamos a nosa opinión sobre dúas cuestións proporcionadas polo profesor, sobre as que reflexionamos todos xuntos posteriormente.
Unha vez asentado este coñecemento, trasladámolo ao ámbito da didáctica. O enriquecemento do repertorio lingüístico do alumnado e a cohesión dunha comunidade lingüística convértense entón nas prioridades da ensinanza-aprendizaxe de linguas estranxeiras. Para isto, o docente ten que ter en conta unha serie de variábeis: 

Características do alumnado
A forma de aprender unha lingua estranxeira varía segundo a idade debido á madurez, o desenvolvemento cognitivo, a capacidade de análise, reflexión e formalización. Distínguense cinco etapas na aprendizaxe dunha LE, sendo as dúas primeiras (ata os 8 anos de idade) o período óptimo para a adquisición posto que as crianzas aínda procesan a lingua en contornos entoativos e contan cunha capacidade máxima de imitación. Pero en tódolos casos é necesario ter en conta tres etapas de aprendizaxe coa fin de establecer as prioridades e os obxectivos en cada momento: unha primeira relativa á adquisición do léxico, da entoación e da fonética; unha segunda, correspondente á adquisición da gramática; e unha terceira relacionada coa adquisición de regras socioculturais. Á hora de deseñar o proceso de ensinanza-aprendizaxe, tamén é importante –como explicabamos anteriormente- o perfil lingüístico do alumno, é dicir, a estrutura e familia lingüística da lingua nai e da lingua estranxeira que se espera adquirir, as posibles interferencias e tipos de erro que poden ter lugar, etc.

Características do centro
O tipo de centro de ensino (público, concertado ou privado) presentará unhas características diferentes en relación co control pedagóxico e financeiro por parte das administracións públicas, coas esixencias de formación e contratación do profesorado, ou nas políticas de admisión dos estudantes, o que repercutirá indirectamente na ensinanza. A tradición pedagóxica do país (gramatical ou comunicativa), así como a relación entre o docente e o alumnado, son tamén dous factores chave no desenvolvemento das clases, persoalmente, considero que este último é o máis importante, podendo favorecer a aprendizaxe cando o resto de circunstancias fallan.

 Obxectivos
Os grandes esquecidos, non se pode comezar un proceso de ensinanza-aprendizaxe sen establecer uns obxectivos. O docente é o encargado de elaboralos seguindo as esixencias dos distintos niveis de concrecións curricular e tendo sempre en conta para quen van dirixidos. Non só permiten a avaliación e a comprobación de que a metodoloxía aplicada é a idónea, senón que serán o punto que vise o profesorado para deseñar as aprendizaxes.

Comentarios

  1. Buenas noches, Marcela.

    Me ha gustado mucho tu entrada, sobre todo la parte en la que hablas de las variables que hay que tener en cuenta para la enseñanza-aprendizaje de idiomas extranjeros. Creo que a veces, al menos a mí me ha pasado, nos olvidamos de algunos factores imprescindibles a la hora de la creación o utilización de material didáctico.

    Muchas gracias por haber añadido esa información a la entrada de tu blog.

    Un saludo.

    ResponderEliminar
  2. Moi boas Marcela,
    parabéns polo teu blog, gustoume moito a túa entrada, especialmente que mentes ós obxectivos no último apartado, eses "grandes esquecidos" sen os que non poderiamos realizar ningún tipo de actividade coma docentes.
    Un cordial saúdo,
    Alex

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Comentarios aos blogs dos compañeiros